Concursos para galeguizar o Nadal

O Servizo de Normalización Lingüística e mais a Asociación de Empresarios de Redondela, poñen en marcha dúas campañas de dinamización e normalización lingüística centradas na época de Nadal, orientadas a dous sectores estratéxicos da actividade económica: a hostalaría e o comercio.

Continuando coa campaña de normalización lingüística na hostalaría iniciada en 2011, A LINGUA MÁIS SABOROSA, en galego da mañá á noite, convídase novamente aos establecementos hostaleiros a utilizar a lingua galega nas súas comunicacións, publicidade, cartas de viños e comidas, e menús ou ofertas especiais de Nadal. E para contribuír a establecer ese hábito convócase un CONCURSO DE ESCAPARATES, que pretende facer promoción dos establecementos hostaleiros redondeláns e promover o uso da lingua galega no sector.

Para participar no mesmo deberán preparar unha decoración especial nos seus escaparates que sirva de promoción de produtos tipicamente galegos, onde se recoñeza e identifique a nosa cultura. Con este fin poderán enfeitar as súas vidreiras ou expositores con libros, fotografías, pinturas, instrumentos musicais, produtos alimenticios ou vinícolas, apeiros de labranza ou calquera outro aparello que achegue información etnográfica ou patrimonial do noso país. A inscrición deberá formalizarse a través do enderezo electrónico aer@empresasredondela.com, indicando nome do establecemento, nome da persoa responsable e teléfono de contacto, e especificando no asunto “concurso escaparates hostalaría”. O prazo remata o día 16 de decembro de 2011.

Ademais, iníciase un proxecto de promoción e galeguización do comercio local a través da lingua galega. O NOSO VENDE! é o nome do programa de dinamización que inicia a súa andaina coa convocatoria dun concurso de escaparates nos comercios redondeláns, e que continuará con outras actividades en 2012, para incidir na promoción dos seus produtos a través do uso da nosa lingua.

Na preparación do seu escaparate os comercios participantes deberán incluír algún lema específico para motivar a súa clientela a que merque os seus produtos, e implica que os establecementos poñerán a súa publicidade, os rótulos e os prezos, así como os carteis de descontos, ofertas especiais ou bos desexos para as festas, tanto dentro coma fóra do local, en lingua galega. A inscrición deberá formalizarse a través do enderezo electrónico aer@empresasredondela.com, indicando no asunto “Concurso O NOSO VENDE!”, e especificando o nome do establecemento, o nome da persoa responsable e teléfono de contacto. O prazoremata o día 16 de decembro de 2011.

Tanto nunha modadlidade coma na outra, os establecementos deberán ter instalada a súa decoración entre o 19 de decembro e o 5 de xaneiro, data na que recibirán o premio, que se dará a coñecer o día 3. Os establecementos gañadores serán visitados e fotografados por persoal da Asociación de Empresarios e do Concello de Redondela entre o 19 e o 30 de decembro.

Os premios, para ambas modalidades, consistirán en 150 € para o primeiro clasificado e mais un paquete de 240 € (20 días) de publicidade en Radio Redondela para o ano 2012. Para o 2º e 3º premios 120 € (15 días) de publicidade en Radio Redondela; e para todos os participantes, 60 € (5 días) de publicidade en Radio Redondela, nas datas da súa elección.

Con estes dous concursos o SNL pretende animar a utilizar a lingua galega como idioma preferente na hostalaría e no comercio, demostrando que é útil e que en galego pódese vender máis e mellor. Ademais, contribuirá a promocionar estes dous ámbitos do sector dos servizos, necesitados de estímulo e impulso.

Para levar adiante esta promoción contarán coa colaboración do SNL que corrixirá, traducirá ou asesorará as súas propostas.

 Pódense consultar as bases nestas ligazóns:

BASES CONCURSO HOSTALARÍA

BASES CONCURSO COMERCIO

Galeoke, o karaoke galego

Unha das novidades que este ano nos achegou o CULTURGAL  foi a publicación do segundo volume do GALEOKE, un xogo de karaoke en lingua galega onde poderás imitar e cantar coma os teus artistas galegos favoritos.

Trátase dun produto baseado na aplicación de software libre UltraStar Deluxe, que é un xogo de karaoke para o ordenador inspirado no popular SingStar de PlayStation que permite personalizar o teu catálogo musical.

Como dicían en 2010, na presentación do primeiro volume, “Galiza é un país de artistas… Non hai sobremesa, romaría ou festa de colegas que non remate entonando algún dos grandes éxitos da nosa música popular“.

Por iso xurdiu a idea de facer desa afección un xogo, e creouse o GALEOKE, “para encher un deses moitos ocos que aínda ten a nosa lingua“.

Así que agora xa nos poderemos atrever a cantar a nosa particular versión de cancións de Radio Océano, Faltriqueira, Pilocha ou The Homens, aproveitando este recurso lúdico-musical no que iremos  acumulando puntos para demostrar as nosas habilidades expresivas e musicais.

Unha boa opción de agasallo para este Nadal!

 

 

 

Culturgal, algo máis que cultura

CULTURGAL, a feira das industrias culturais, arranca esta fin de semana no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Culturgal é o fogar da cultura galega“, como eles mesmos din;  é un proxecto no que participan os distintos gremios da cultura: o  libro, a creación audiovisual, as artes escénicas, a música, o deseño,  a internet e as novas tecnoloxías. É unha praza aberta na que se mostran as distintas caras da nosa cultura, que axuda a promocionala e que fai tamén un bo traballo pedagóxico.

Neste evento conxúganse a participación dos profesionais e do público,  coa presentación, promoción e venda de produtos e servizos que achegan directamente ás persoas destinatarias. Alí poderemos atopar, baixo un mesmo teito, exposicións, contacontos, maxia, danza, presentacións de libros e discos, e concertos.

Durantes tres días (venres 3, sábado 4 e domingo 5 de decembro) poderémonos divertir e poñernos ao día no último do último, do que se está a facer na cultura do país.

É a mellor oportunidade para sabermos de nós!

Podes consultar aquí a PROGRAMACIÓN.