Dous novos dicionarios, para sabermos máis galego

Dúas novas ferramentas lingüísticas veñen de saír do prelo neste mes. Trátase de dous dicionarios terminolóxicos que achegan a lingua galega a dous campos de traballo ata o de agora pouco accesibles á nosa lingua: a linguaxe xurídica e mais a química.

O Dicionario Xurídico Galego é unha obra promovida pola Revista Xurídica Galega e pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, que publicou Edicións Xerais de Galicia.

O obxectivo deste manual terminolóxico é achegar a lingua galega á actividade desenvolvida pola xustiza e facilitar o seu uso con propiedade. Inclúe conceptos esenciais do Dereito, información crítica sobre a lexislación estatal e, de xeito especial, termos e institucións propias do Dereito Civil de Galicia.

A obra foi redactada, baixo a coordinación de Luciano Varela Castro e Xosé Xoán Barreiro Prado, e contou coa participación de 120 especialistas pertencentes ás distintas áreas do dereito, que traballaron nel ao longo dos últimos catro anos.

 

Por outro lado, a Universidade da Coruña, a través dos seus Servizos de Publicacións e de Normalización Lingüística, vén de publicar o Dicionario de Química, da autoría de Ramón Vilalta, Juan José Guillín Fraga e Antonio Varela Caamaño.

O dicionario recolle máis de 7000 termos pertencentes ao ámbito da química, entre os que se inclúen tanto os tecnicismos da nomenclatura proposta en 2005 pola Unión Internacional de Química Pura e Aplicada (IUPAC) como outras denominacións históricas ou tradicionais.

Ademais inclúe apéndices con información complementaria de interese (táboa periódica, glosario plurilingüe galego-castelán-inglés-portugués, escolma gráfica de material de laboratorio, etc.).

Esta publicación encádrase no marco do Ano Internacional da Química (2011), e supón unha  importante contribución ao proceso de normalización da lingua galega, tanto para o uso académico coma para o científico,  converténdose tamén nunha ferramenta óptima para o ensino, a aprendizaxe e a propia investigación.