Vitaminas para o galego

Este é nome dunha iniciativa que botou a andar da man de dez medios de información en galego, co obxectivo de unir esforzos para axudar aos medios de comunicación que usan a lingua propia de Galicia e contribuír a sensibilizar a sociedade sobre a necesidade de que a nosa lingua estea presente neles, na TV, na prensa, na radio ou na internet.

Os medios organizadores son Tempos Novos, Galicia Confidencial (GC), Novas da Galiza,  Valminor.Info, Praza Pública , Que Pasa na Costa e a rede de emisoras municipais galegas Radiofusión. Ademais colaboran na campaña tres xornais comarcais, Crónica 3 da Mariña luguesa, O Sil de Valdeorras e Certo, xornal dixital de Barbanza e Noia.

Esta iniciativa quere espallar a idea de que  “se queremos que haxa transmisión xeracional da lingua, é imprescindible contar con medios que a usen, a difundan e a prestixien“.

A campaña  incluirá unha serie de eventos (concertos, relatorios, etc.) por toda Galicia que se desenvolverán nos vindeiros meses, e un dos obxectivos principais da iniciativa é axudar á supervivencia dos medios na lingua do país, así como impulsar o nacemento de novas cabeceiras.

Pódese seguir o proxecto e as sucesivas propostas a través desta ligazón.