Galeoke, o karaoke galego

Unha das novidades que este ano nos achegou o CULTURGAL  foi a publicación do segundo volume do GALEOKE, un xogo de karaoke en lingua galega onde poderás imitar e cantar coma os teus artistas galegos favoritos.

Trátase dun produto baseado na aplicación de software libre UltraStar Deluxe, que é un xogo de karaoke para o ordenador inspirado no popular SingStar de PlayStation que permite personalizar o teu catálogo musical.

Como dicían en 2010, na presentación do primeiro volume, “Galiza é un país de artistas… Non hai sobremesa, romaría ou festa de colegas que non remate entonando algún dos grandes éxitos da nosa música popular“.

Por iso xurdiu a idea de facer desa afección un xogo, e creouse o GALEOKE, “para encher un deses moitos ocos que aínda ten a nosa lingua“.

Así que agora xa nos poderemos atrever a cantar a nosa particular versión de cancións de Radio Océano, Faltriqueira, Pilocha ou The Homens, aproveitando este recurso lúdico-musical no que iremos  acumulando puntos para demostrar as nosas habilidades expresivas e musicais.

Unha boa opción de agasallo para este Nadal!