Culturgal, algo máis que cultura

CULTURGAL, a feira das industrias culturais, arranca esta fin de semana no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Culturgal é o fogar da cultura galega“, como eles mesmos din;  é un proxecto no que participan os distintos gremios da cultura: o  libro, a creación audiovisual, as artes escénicas, a música, o deseño,  a internet e as novas tecnoloxías. É unha praza aberta na que se mostran as distintas caras da nosa cultura, que axuda a promocionala e que fai tamén un bo traballo pedagóxico.

Neste evento conxúganse a participación dos profesionais e do público,  coa presentación, promoción e venda de produtos e servizos que achegan directamente ás persoas destinatarias. Alí poderemos atopar, baixo un mesmo teito, exposicións, contacontos, maxia, danza, presentacións de libros e discos, e concertos.

Durantes tres días (venres 3, sábado 4 e domingo 5 de decembro) poderémonos divertir e poñernos ao día no último do último, do que se está a facer na cultura do país.

É a mellor oportunidade para sabermos de nós!

Podes consultar aquí a PROGRAMACIÓN.