Vento que zoa, música clásica galega

O Consello da Cultura Galega vén de publicar unha nova web para difundir a música galega: Vento que zoa é un proxecto de divulgación dixital da música clásica galega, na que xa se poden consultar as biografías, a música e as relacións visuais de seis destacados compositores galegos do pasado e do presente. Cada músico preséntase asociado a un artista plástico galego co que comparte sensibilidades e coincidencias históricas.

O proxecto irase completando para podermos ter un recurso en rede e en galego da música e dos compositores galegos máis sobranceiros.


Ditados tópicos galegos, alcumes e algo máis

Unha nova publicación vén dar luz aos nosos nomes: xentilicios, alcumes de nomes colectivos, e mais refráns e coplas aparecen recollidos no Portal de ditados tópicos galegos, un traballo elaborado e divulgado polo Instituto da Lingua Galega da USC (ILG) e a Fundación Camilo José Cela.

O proxecto xurdiu inicialmente con fichas recollidas para o Diccionario Geográfico Popular de España (DGPE), impulsado nos anos setenta polo escritor Camilo José Cela. Nel recompílanse este tipo de informacións, incorporando material xa publicado en refraneiros ou obras literarias, pero que inclúe ademais a realización de enquisas por toda España, información de primeira man que enche a maior parte da información do proxecto. Para esta tarefa contouse daquela coa entusiasta colaboración do corpo de Correos, que distribuíu entre o seu persoal de reparto máis de 25.000 cuestionarios para que informasen dos alcumes, xentilicios, cantigas ou refráns existentes nas súas demarcacións. Do DGPE só se publicou un tomo (dos 19 previstos), en 1998. As fichas consérvanse inéditas na Fundación Camilo José Cela en Iria Flavia.

En xuño de 2008, o Instituto da Lingua Galega asinou un convenio coa Fundación Camilo José Cela para dixitalizar e editar as fichas do DGPE recollidas no territorio galego. Así, o Portal de ditados tópicos galegos recolle inicialmente case 4.000 rexistros (1559 alcumes colectivos, 1207 xentilicios, 328 refráns, 786 coplas e cantares e 42 pseudotopónimos). Estas formas están recollidas nunha base de datos en liña que permite facer buscas a medida, por exemplo, para REDONDELA.
O portal web tamén permite consultar material complementario, como correspondencia entre Camilo José Cela e o persoal de Correos ou representantes da intelectualidade galega, así como diversas publicacións ligadas ao proxecto.
Os investigadores Damián Suárez Vázquez, David Rodríguez Lorenzo e Xosé Afonso Álvarez Pérez, e o informático César Osorio Peláez, son as persoas encargadas do proxecto nesta primeira fase, co obxectivo de  “preservar este rico e abundante patrimonio inmaterial”, como subliñou a profesora e directora do ILG,  Rosario Álvarez. En sucesivas etapas, o portal irase enriquecendo con información procedente doutras fontes (refraneiros, cancioneiros, artigos monográficos,…) e, incluso, mediante achegas do público que o consulte a través dun formulario dispoñible na web.
Máis información no XORNAL da USC