A que sabe a lingua?

A lingua sabe a pan é o saboroso título dun Lipdub realizado pola comunidade escolar do CPI  Virxe da Saleta, de Cea, sobre unha versión de Sweet Home Alabama de Lynyrd Skynyrd, que fixeron popular os galegos Siniestro Total como Miña Terra Galega.

Nesta ocasión as voces son do propio alumnado do centro que mostran como falar unha lingua pode parecerse ao proceso de amasar o pan.

Un fermoso e divertido xeito de promocionar a nosa lingua. Parabéns.

A Lingua sabe a Pan from cpivirxedasaleta on Vimeo.

Radio en galego na rede

Un novo proxecto de radio en lingua galega vén de aparecer na rede: anfiteatrogzradio.

Como ela mesma explica na súa presentación, “é un proxecto de radio online en Idioma Galego”.

A súa intención é a de encher as 24 horas do día con programación de diversos contidos, coa finalidade de crear unha emisora no noso idioma que fomente os grupos musicais galegos, a literatura do noso País… e todo canto teña cabida no mundo da cultura.

Ademais quérenlle dar tamén cobertura a todos os blogs do blogomillo por medio do seu “player”.

Pois sexa benvida, que mentres outros medios desaparecen segue habendo novas iniciativas que pulan pola nosa lingua.

Concurso de presentacións para o Nadal

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca a segunda edición do concurso de presentacións electrónicas de Nadal.

A iniciativa pretende promover o uso da lingua galega nas comunicacións propias destas festas aproveitando as novas tecnoloxías. Deste xeito as propostas terán que facer referencia a un tema vencellado a estas datas, como felicitacións de Aninovo, do Día de Reis ou das festas de Nadal en xeral.  Aqueles traballos máis enxeñosos e  orixinais serán os seleccionados para formar parte dunha galería de presentacións que a Secretaría Xeral divulgará a través do seu espazo web,  e os tres  traballos gañadores recibirán, ademais, un lote de produtos de lecer en galego.

As persoas que estean interesadas en participar poden enviar as presentacións a calquera dos seguintes enderezos electrónicos: secretaria.xeral.politica.linguistica.web@xunta.es ou a sxpl.secretaria@xunta.es.

O prazo de admisión das propostas remata o día 9 de decembro de 2011.

Pódense consultar as BASES nesta ligazón.

E se queredes consultar os traballos gañadores da anterior edición pódense ver AQUÍ.

Novo conxugador de verbos en rede

O grupo de investigación ProLNat@GE (Grupo para o Procesamento da Linguaxe Natural) da Universidade de Compostela, especializado en enxeñaría lingüística, vén de poñer na rede, a disposición de calquera persoa usuaria, un conxugador de verbos en lingua galega: CILENIS CONXUGADOR.

Cilenis é o nome desta empresa dedicada ao procesamento da linguaxe e á enxeñaría lingüística.

O conxugador, de moi fácil consulta,  xera automáticamente conxugacións verbais en galego. Permite conxugar calquera verbo (mesmo inventados) ou escoller só aqueles infinitivos que forman parte do Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega (VOLG). E como engadido, dispón tamén dunha versión en portugués.

Cilenis Conxugador é software libre, pois a filosofía da empresa é promover o acceso libre ao coñecemento, e pode ser complementado con aplicacións e sistemas externos. Foi desenvolvido con base no sistema de código aberto conshuga.

Desde a empresa anuncian que pretenden traballar no desenvolvemento de ferramentas de busca a medida na rede e que ofertan tamén servizos de instalación, personalización e mantemento do tradutor Opentrad.

Proba co teu verbo aquí.