Concurso de curtas de comedia

A Facultade de Ciencias da Información da Univ. de Santiago de Compostela convoca o certame “Somos a curta!”, para premiar a mellor peza audiovisual curta de comedia en galego. Pódese presentar alumnado das universidades galegas, das  Escolas Oficiais de Imaxe e Son ou da titulación de bacharelato artístico de calquera dos institutos de educación secundaria de Galicia.

O prazo para presentar os traballos remata o día 25 de novembro de 2011, e as pezas presentadas ao concurso exhibiranse ao público nunha gala o 14 de decembro de 2011. O premio está dotado con 600 € e diploma honorífico.

Os obxectivos  desta convocatoria son promover o uso da lingua galega como vehículo para a creatividade dos novos valores do audiovisual galego, premiar os dotes lingüísticos, técnicos, artísticos e humorísticos do estudantado galego e gozar dunha xornada de humor na nosa lingua.

Podes descargar aquí máis información:

BASES DO CERTAME

FORMULARIO DE INSCRICIÓN

Congresos e xornadas sobre a lingua

Dentro do PROXECTO CAMIÑO DAS CULTURAS E DAS LINGUAS, do que xa falamos anteriormente, vaise desenvolver os vindeiros 21 e 22 de outubro, no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA), o congreso “As linguas e culturas do Camiño de Santiago de Compostela: presente e futuro“.

Este simposio centra a súa actividade arredor da historia común das linguas e culturas das diferentes rexións de Europa, apreciando o pasado común para proxectarse conxuntamente cara ao futuro. No proxecto, xunto  con outras institucións de diversos territorios de España e de Europa, colabora a Secretaría Xeral de Política Lingüística, dentro do programa Cultura 2007-2013 da Unión Europea.

A asistencia é de balde. Pódese obter máis información nesta ligazón.

Por outro lado, e seguindo con xornadas sobre a lingua, a Facultade de Ciencias da Educación da Coruña acolle as IV Xornadas sobre normalización da lingua e a cultura no ámbito da educación, que terán lugar os días 7, 8, 14 e 15 de novembro, co subtítulo: EDUCANDO EN GALEGO, A NOSA RESPONSABILIDADE.

Baixo o título de “Tour de lecturas do oeste” o Salón de Graos desta facultade acollerá esta edición centrada na dinamización a través da lectura. A participación nestas xornadas é de balde e hai un total de 75 prazas, que se cubrirán por orde de inscrición,  no Decanato da Facultade.

Podes consultar aquí o PROGRAMA.

Ademais, entre o 30 de novembro e o 1 de decembro, o Parninfo da Reitoría da Universidade da Coruña acolle, un ano máis, as Xornadas sobre lingua e usos, centradas nesta edición na ECOLINGÜÍSTICA, que organiza o SNL da Univ. da Coruña en colaboración coa RAG.

A inscrición é gratuíta e pódese facer ata o 25 de novembro.

Descarga aquí o programa.