A sanidade en galego

O sábado pasado constituíuse na Estrada a Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA), promovida dende a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística.

Esta nova entidade, de ámbito galego, estará integrada por persoal da sanidade pública e privada (médicos, boticarios, veterinarios, enfermería…) e profesionais da docencia nas ciencias médicas. O seu obxectivo é estender  o uso da lingua galega nas relacións entre pacientes e persoal sanitario, nas súas comunicacións e no traballo en xeral dos profesionais da saúde.

Para apoiar este traballo pretenden tamén reivindicar a tradición da Escola Médica Galega (Varela de Montes, Nóvoa Santos, Rodríguez Cadarso, Rof Carballo… e os epígonos García Sabell, López Nogueira, Reimóndez Portela – ex-alcalde da Estrada, médico humanista, precursor da autonomía galega-) que sempre entenderon que o exercicio profesional tiña que ser respectuoso coa cultura das persoas usuarias. O seu labor tentará tamén espallar esta idea por todo o territorio,  e recoñecer e divulgar a figura de médicos senlleiros e humanistas que entenderon a medicina como unha ciencia asociada ás particularidades do pobo galego.

Como ben dixo o médico e escritor, Pablo Vaamonde, “o principal instrumento terapéutico do sanitario é a palabra. Un acollemento cordial, respectuoso e afectivo ao doente ten, por sí mesmo, capacidade curativa”.

Máis información:

Galicia Hoxe

Galeguizar Galicia


Termos esenciais do dereito penal

Un novo traballo lexicográfico vén dar luz ás dúbidas da nosa lingua sobre os termos do dereito.

A Área de Terminoloxía do Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da USC publicou un novo traballo lexicográfico,  da autoría do profesor de dereito penal da USC, Miguel Abel, e o responsable da Área de Terminoloxía do SNL, Xusto Rodríguez.

Trátase do traballo lexicográfico máis amplo sobre esta disciplina do dereito, no que o  Código Penal é  a fonte principal dos conceptos xurídicos presentados,  e que introduce tamén as novas figuras delitousas incorporadas na reforma do código español do 22 de xuño de 2010.

Os conceptos preséntanse en versión bilingüe, e para facilitar a consulta diferéncianse dúas partes: unha cun corpus de entradas bilingües numerado e ordenado segundo o nome galego,  e un índice alfabético de denominacións castelás.
Pódese descargar nesta ligazón:  TERMOS ESENCIAIS DO DEREITO PENAL

Certame de relatos breves Modesto R. Figueiredo

A Fundación do Padroado Pedrón de Ouro e o Concello de Rianxo, convocan o XXXVII CERTAME NACIONAL GALEGO DE NARRACIÓNS BREVES PREMIO MODESTO R. FIGUEIREDO do ano 2011.

A narracións presentadas a concurso deberán ter un mínimo de 5 e un máximo de 30 páxinas, escritas en lingua galega e inéditas.

A presentación dos traballos ten como data límite o 20 de novembro, e deberán ser entregados nalgún destes dous enderezos:

– Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro. Apdo. de Correos,627. Santiago de Compostela.

Concello de Rianxo (Concellería de Cultura), 15920 Rianxo – A Coruña.

Pódense consultar as bases nesta ligazón.

Novos recursos lingüísticos

O Servizo de Normalización Lingüística e a Oficina de Igualdade de Xénero da USC, veñen de editar unha guía de criterios para a linguaxe non sexista, é dicir, a súa pretensión é ser un apoio no labor de redacción e creación textual, maiormente para as persoas que teñen a responsabilidade de difundir información institucional.

O seu obxectivo é  fuxir do tradicional uso do masculino como xénero non marcado, é dicir, aquel que se utiliza como xenérico, que aínda que é correcto dende o punto de vista gramatical fai invisibles as mulleres e a súa intervención na sociedade.

O traballo, realizado por Manuel Bermúdez e Alba Cid, repara naquelas palabras ou expresións que debemos mudar do noso discurso para evitar que a lingua asigne os roles que socialmente se asocian a homes e mulleres, e deste xeito facer visibles as mulleres en todos os ámbitos.

Substituír ‘alumno’ por ‘alumnado’, ‘os lectores’ por ‘quen le’, ‘algún dos presentes’ por ‘ alguén’ ou ‘traballador’ por ‘cadro de persoal’, son algunhas das propostas que ofrece esta guía universitaria, que pode ser de grande axuda para utilizar a nosa lingua no ámbito da igualdade.

Por outra parte, o SNL do Concello de Zas, volve ser protagonista dun útil recurso: LINGUAZÁS, unha completa web de recursos lingüísticos onde poderemos atopar dende as últimas novas publicadas polo Servizo e pola SXPL, unha selección de gramáticas galegas e de dúbidas lingüísticas, acceso directo aos dicionarios en liña máis útiles, recursos e ferramentas lingüísticas para o computador, ata ligazóns a institucións e organismos oficiais, boletíns oficiais,  organizacións e plataformas en defensa da lingua e de institucións relacionadas co tecido asociativo.

Todo un mundo ao noso alcance para non descolgarnos do último arredor da lingua galega.

Pódese visitar premendo na imaxe.