Refraneiro galego en liña

A tradición oral de Galicia pódese consultar agora utilizando as últimas novidades tecnolóxicas, a través dunha aplicación para móbiles que permite consultar máis de 10.000 refráns diferentes desde aparellos  como o iPhone, o iPod ou o iPad.

O Refraneiro Galego para iOS trata de achegar o patrimonio cultural galego e a nosa tradición oral ás tecnoloxías da información e as redes sociais. Pódese descargar para estes dispositivos móbiles, pero tamén se pode consultar a través das redes sociais FACEBOOK e TWITTER.

Baixo o lema “NON HAI REFRÁN VELLO QUE NON SEXA VERDADEIRO”, esta aplicación, que se vende por 0,79 euros, permite consultar en modo offline (sen necesidade de estar conectado a internet) a extensa base de datos cos refráns que forman esta colección.  As consultas pódense facer de xeito aleatorio ou mediante  a busca por palabras, e permite tamén gardar os refráns preferidos na sección favoritos ou compartilos pola rede a través do correo electrónico, Facebook ou Twitter. Ademais inclúe un sistema de alerta opcional que permite recibir no teléfono un refrán diferente cada día ou cada semana sen ter que abrir a aplicación.

Conta tamén cunha versión reducida na rede, www.refraneirogalego.com, unha web que publica novos refráns diariamente e onde calquera pode enviar as súas suxestións.

A autoría desta aplicación é da xornalista coruñesa Pilar Mera, que actúa baixo o pseudónimo de Decrecemento feliz.

Así que, ánimo e a pescudar nel.