Novas tecnolóxicas en galego na rede

A lingua galega está cada vez máis presente na rede, pero ademais é a mocidade o sector da poboación que máis a usa.

Estes datos despréndense do  informe Xuventude Galega 2010, que vén de presentar a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, pois os datos avalan que o 38,6% da mocidade de Galicia de entre 15 e 29 anos utilizan a lingua galega, e que son os mozos e mozas os que utilizan máis o galego no ámbito das novas tecnoloxías, en comparación coa media da poboación galega. Os datos sociolingüísticos amosan que é a lingua de preferencia para redactar mensaxes de móbil ou correos electrónicos (3 puntos porcentuais máis que a media de Galicia), e que aumenta a súa preferencia para navegar por internet.

Para estar ao día nas novas tecnoloxías presentamos algunha das mellores posibilidades:

Código Cero é o nome do diario dixital de información tecnolóxica de Galicia, que vén de cumprir o seu 10 aniversario. Neste xornal dixital poderás atopar toda a información relativa ás novas tecnoloxías e na nosa lingua.

Ademais de poder consultar todas as novidades relativas a aplicacións, aparatos, videoxogos ou ferramentas tecnolóxicas, presenta tamén a posibilidade de consultar a súa revista en papel, subscribirse ao seu boletín de novas e consultar a lista TOP 100, as 100 webs galegas máis populares.

E entre as ferramentas que xa aparecen en lingua galega contamos xa co caderno de notas EVERNOTE.

Evernote é un caderno de notas libre e de balde, no que poderás gardar todo tipo de información no seu formato orixinal: anotacións persoais, retallos de páxinas web, direccións de correo electrónico, trazos libres en pantalla, citas, esquemas ou calquera cousa que poidas copiar e colar co portapapeis de Windows.

Inclúe todas as ferramentas necesarias para engadir notas, clasificalas en diferentes categorías, engadirlles etiquetas e facer buscas entre as notas dispoñibles (mesmo en texto en letra de imprenta ou manuscrito dentro de imaxes). Ademais, ofrece a posibilidade de publicar as notas no teu propio espazo web, e funciona coa maioría dos computadores, teléfonos e dispositivos móbiles do mercado.

Pódese descargar de balde e darse de alta nesta ligazón.

Compromiso coa lingua

Nun día coma hoxe, no que desaparece a edición impresa do último diario galego que usaba maioritariamente a lingua galega, o XORNAL DE GALICIA (logo de que desapareceran nos últimos meses A Peneira, A Nosa Terra e Galicia Hoxe), cómpre repensarmos que é o que facemos nós como cidadás e cidadáns galegas e galegos para defendermos a nosa lingua e reclamar o seu uso nos medios de comunicación.

E neste proceso de reflexión e concienciación aparecen dúas iniciativas que poden axudar a entender esta situación e que, de seguro, van contribuír a prestixiar a nosa lingua propia no seo da nosa sociedade:

Por unha banda a iniciativa social  SERMOS GALIZA, que aglutina xa un número importante de persoas que reclaman un medio de comunicación galego e en galego, plural e aberto, que terá inicialmente formato de diario dixital e unha edición impresa semanal.

As persoas interesadas en participar deste proxecto, apoialo ou subscribirse ao semanario poderán facelo a través desta ligazón.

Por outra banda xorde a iniciativa cidadá VIVIR O GALEGO, VIVIR EN GALEGO, que promove unha plataforma na que cidadás e cidadáns asumen publicamente o compormiso de apoiar activamente todas as iniciativas cidadás e empresariais comprometidas coa lingua galega; e non ser cómplice de quen a ataca, despreza, ignora e/ou minusvalora”.

Para achegarse e unirse a esta proposta pódese ler o decálogo que promoven e a xente que apoia esta iniciativa.

Se todas e todos poñemos o noso gran de area seguro que o futuro da nosa lingua estará garantido.

Medallas de ouro 2011, con orgullo

A semana pasada o goberno galego fixo entrega das Medallas de Ouro de Galicia 2011.

E este é un dobre motivo de satisfacción e de orgullo para todas as persoas que pulamos pola nosa lingua. Pois Rosario Álvarez, en representación do ILG, e o profesor e investigador, especialista en xenética, Ángel Carracedo, recibiron neste ano o maior recoñecemento na nosa terra, pero co orgullo de sentírense galegos de seu ante todo.

Cando falamos da campaña En galego tamén se fai ciencia, xa puxemos o video promocional no que saía este gran investigador e erudito. Pero agora vén aínda máis a conto divulgar as manifestacións de Ángel Carracedo a prol da nosa lingua:

Ángel Carracedo from En galego tamén se fai ciencia on Vimeo.

Os nosos parabéns a ambos, e que sirvan de modelo.