Dicionario de pronuncia da lingua galega

O Dicionario de pronuncia da lingua galega, do profesor Xosé Luis Regueira (RAG, 2010), desenvolvido dentro dun proxecto da Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega, xa está agora dispoñible na rede. Esta nova ferramenta en liña permite consultar 60.000 pronuncias do léxico común galego na súa variedade estándar.

O obxectivo principal deste recurso é ofrecer un modelo oral de referencia e de consulta aos profesionais que traballan coa lingua falada (xornalistas, dobradores, profesorado, etc.), e tamén facilitarlles a aprendizaxe ás persoas que estudan galego. As consultas pódense facer en liña a través dun buscador no que poden introducirse palabras ou cadeas de caracteres. A páxina de resultados devolve a forma, a categoría gramatical, a transcrición e o arquivo de voz.

Deste xeito o dicionario en liña contribuirá tamén á normalización da lingua galega, á calidade e ao seu prestixio, pois difunde un modelo de pronuncia estándar para o idioma, útil sobre todo para o seu uso nos medios orais de comunicación e noutros ámbitos de difusión do galego.

Pódese acceder premendo nesta ligazón.