VENCELLO, rede temática de blogs en galego

Xa temos na nosa lingua a primeira rede temática de blogs.

A unión de diversos espazos xa existentes na rede con outros novos creados á mantenta, deu como resultado VENCELLO, que tentan cubrir un amplo abano de temáticas co denominador común de estaren escritos en lingua galega.

O seu nome, VENCELLO (tradicionalmente, cordel co que se amarraban os feixes de palla), foi adaptado aos novos tempos para referirse a un vínculo dun feixe de blogs.

Esta nova rede inclúe blogs con todo tipo de temáticas, dende espazos adicados aos sistemas operativos e as utilidades ou aparatos máis punteiros (Android, Apple, BlackBerry), ata outros de difusión científica, tecnoloxía (Galiloxía), cinema (Cinema Friki) ou videoxogos (Memoria Pixelada). A vontade do proxecto é seguir medrando e engadindo día a día novas temáticas, novos blogs en fase de preparación que se irán ampliando xa nas próximas semanas.

Entre os aspectos máis novidosos desta rede temática atópase A Incubadora, un viveiro de blogs que pretende servir de punto de encontro para xente que desexe escribir sobre algunha temática e queira que lle axuden a poñer un blogue en marcha. Este é un servizo que ofrecen totalmente de balde para que quen queira poida compartir o seu coñecemento ser ter problemas de deseño ou estruturación deses contidos.

O proxecto está aberto á participación, pois ese é un dos seus obxectivos: continuar medrando para ampliar os seus horizontes. Así que aquí temos un novo proxecto aberto agardando a que participemos a través de suxestións, ideas ou colaboracións.

E como non podía ser doutro xeito, tamén está presente nas principais redes sociais: Twitter e Facebook.