Aprendendo do mar

As praias galegas contarán neste verán con divulgación sobre as investigacións mariñas.

Os areais de Riazor (A Coruña), Baltar (Sanxenxo) e Samil (Vigo), aproveitando a importante afluencia de turistas e bañistas ás praias, acollerán obradoiros divulgativos nos que se mostrará a gran riqueza do litoral galego cunha campaña de divulgación científica e tecnolóxica mariña a gran escala.

Campus do Mar na praia, que desembarcará dende o venres 12 ata o vindeiro 28 de agosto nos principais areais galegos,  achegará as ciencias mariñas á sociedade dun xeito doado, sinxelo e, sobre todo, divertido. Os obradoiros realizaranse nun posto itinerante de 250 metros cadrados que se instalará nas praias galegas máis multitudinarias durante todo o día:  no areal coruñés de Riazor (12, 13 e 14 de agosto), na praia de Baltar, en Sanxenxo (19, 20 e 21 de agosto), e finalmente no areal vigués de Samil (26, 27 e 28 de agosto).

Unha boa oportunidade para ocupar o noso tempo de lecer aprendendo a observar, comprender e valorar o noso medio mariño, parte importante tamén do noso patrimonio natural.

Ademais, a partir de setembro, o Campus do Mar desenvolverá o CAMPUS DO MAR LIFE, un programa cultural e deportivo que inclúe numerosas actividade lúdicas entre as que atoparás visitas ás embarcacións tradicionais en Bouzas, visita nocturna aos Petróglifos de Outeiro dos Lameiros, excursións en barco pola ría de Vigo (na que historiadores e filólogos do IEM irán explicando os nomes do mar, a talasonimia e o seu significado, pesquerías da ría, naufraxios, caladeiros, marcas dos mariñeiros, etc.); actividades deportivas como bautismo de vela, mergullo ou canoa; visitas guiadas ao porto de Vigo ou obradoiro de tecnoloxías mariñas;  e distintos roteiros mareais, como o da Costa da Vela, no Morrazo, ou o litoral de Vigo.

En breve poderase consultar o CALENDARIO de actividades nesta ligazón.