Novas tecnolóxicas en galego na rede

A lingua galega está cada vez máis presente na rede, pero ademais é a mocidade o sector da poboación que máis a usa.

Estes datos despréndense do  informe Xuventude Galega 2010, que vén de presentar a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, pois os datos avalan que o 38,6% da mocidade de Galicia de entre 15 e 29 anos utilizan a lingua galega, e que son os mozos e mozas os que utilizan máis o galego no ámbito das novas tecnoloxías, en comparación coa media da poboación galega. Os datos sociolingüísticos amosan que é a lingua de preferencia para redactar mensaxes de móbil ou correos electrónicos (3 puntos porcentuais máis que a media de Galicia), e que aumenta a súa preferencia para navegar por internet.

Para estar ao día nas novas tecnoloxías presentamos algunha das mellores posibilidades:

Código Cero é o nome do diario dixital de información tecnolóxica de Galicia, que vén de cumprir o seu 10 aniversario. Neste xornal dixital poderás atopar toda a información relativa ás novas tecnoloxías e na nosa lingua.

Ademais de poder consultar todas as novidades relativas a aplicacións, aparatos, videoxogos ou ferramentas tecnolóxicas, presenta tamén a posibilidade de consultar a súa revista en papel, subscribirse ao seu boletín de novas e consultar a lista TOP 100, as 100 webs galegas máis populares.

E entre as ferramentas que xa aparecen en lingua galega contamos xa co caderno de notas EVERNOTE.

Evernote é un caderno de notas libre e de balde, no que poderás gardar todo tipo de información no seu formato orixinal: anotacións persoais, retallos de páxinas web, direccións de correo electrónico, trazos libres en pantalla, citas, esquemas ou calquera cousa que poidas copiar e colar co portapapeis de Windows.

Inclúe todas as ferramentas necesarias para engadir notas, clasificalas en diferentes categorías, engadirlles etiquetas e facer buscas entre as notas dispoñibles (mesmo en texto en letra de imprenta ou manuscrito dentro de imaxes). Ademais, ofrece a posibilidade de publicar as notas no teu propio espazo web, e funciona coa maioría dos computadores, teléfonos e dispositivos móbiles do mercado.

Pódese descargar de balde e darse de alta nesta ligazón.