Premio ás ideas para normalizar a nosa lingua

Se formas parte da comunidade universitaria e tes algunha idea que poida contribuír a fomentar a lingua galega, podes participar no VIII Premio Luisa Villalta a iniciativas normalizadoras, que convocan conxuntamente as tres universidades galegas (A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo), a través dos seus Servizos de Normalización Lingüística (SNL).

A participación pódese facer a título individual ou en equipo (formando parte de comisións de normalización, organizacións estudantís, ou outras asociacións), para o que se establecen dúas modalidades (cada unha cun premio diferente):

  • CAMPAÑA NORMALIZADORA: consiste no deseño dunha campaña que teña como obxectivo fomentar o uso do galego no ámbito universitario. A proposta deberá conter un punto de partida, os obxectivos que se perseguen, a metodoloxía que se vai empregar, as actividades que se pretenden desenvolver, a planificación temporal, as persoas implicadas e as que implica, a estimación orzamentaria, etc.
    O premio consiste en 3.000 euros.
  • IDEA PARA A PROMOCIÓN DO GALEGO: deberá desenvolver unha idea que explique razoadamente unha proposta que teña por obxectivo fomentar o uso do galego no ámbito universitario.
    O premio consta de 1.500 euros.

O prazo para a presentación de proxectos esténdese até o 10 de novembro de 2011.

Pódense consultar as bases completas na seguinte ligazón.