Recursos para o lecer en galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado acaban de difundir un novo programa de dinamización lingüística destinado ás persoas máis novas. O obxectivo deste programa é favorecer as actividades en galego nos campamentos de verán,  e facilitarlles tamén recursos aos monitores e monitoras para desenvolver actividades que animen os rapaces e rapazas a se expresaren en lingua galega.

O progama denominado O GALEGO CAMPA!, inclúe un disco orixinal (Desaparafusador de gominola) con cancións de estilos diversos (funky, folk, rap…), compostas e interpretadas por profesionais da música galega de primeira liña.

Ademais o disco vai acompañado dunha proposta de actividades variadas que se poderán desenvolver nos campamentos dun xeito lúdico, que pretenden favorecer o xogo en galego dos rapaces e rapazas asistentes. Estas actividades, realizadas por Tagen Ata, convidan á reflexión e á aprendizaxe, e promoven o respecto e a valoración positiva do contorno e das características culturais e sociais de Galicia. As actividades deste ano teñen como destinatarios principais os nenos e nenas de 9 a 12 anos.

Na ligazón de máis arriba poderanse atopar todos estes recursos, que inclúen os audios e as letras das cancións, fichas de actividades para os monitores e monitoras, e outros materiais e webs de interese para organizar o tempo de lecer.

Por outra parte, os Servizos de Normalización Lingüística da Terra de Soneira e da comarca de Bergantiños editaron unha guía cultural titulada Un verán de lecer, unha proposta con recomendacións de lectura e música para o verán, que xa editou o ano pasado o SNL de Zas.

A publicación recolle unha serie de recomendacións literarias, musicais e audiovisuais en lingua galega clasificadas por idades, co obxectivo de divulgar a oferta de creacións culturais en lingua galega,  e animar a gozar do tempo de lecer con recursos na nosa lingua.

Pódese descargar premendo na imaxe.