Dicionario fraseolóxico bilingüe castelán-galego

A editorial virtual Meubook vén de sacar á luz o Dicionario fraseolóxico bilingüe castelán-galego, unha obra que contén  máis de 8.500 expresións, frases feitas e xeitos de dicir en lingua castelá e preto de 25.000 en lingua galega.

Xosé A. Pena é o autor deste traballo que recupera o seu anterior traballo fraseolóxico Diccionario Cumio de expresións e frases feitas castelán-galego (2001), para achegarnos un novo e completo compendio en formato de libro electrónico, que se pode previsualizar ou adquirir na seguinte ligazón: MEUBOOK.

A finalidade esencial deste traballo é a de lles fornecer aos usuarios distintas e variadas solucións expresivas en galego para dar conta, en diversos contextos de uso, de frases ou expresións do idioma castelán que en moitas ocasións están a se impoñer a pasos de xigante ás propias, as galegas, e están a desprazar os recursos expresivos de noso.

Así pois, aquí temos unha nova ferramente que de seguro nos axudará a manter a riqueza expresiva da nosa lingua propia.