Galegobook, biblioteca en liña da lingua galega

Un novo recurso sobre a lingua galega vén de aparecer na rede: o GALEGOBOOK.

Trátase dun proxecto sen ánimo de lucro que ofrece a posibilidade de publicar, compartir e conversar sobre un gran número de libros electrónicos que circulan pola rede sobre lingua (gramática, fonética, sociolingüística, manuais, terminoloxía…).

Este novo recurso na rede conterá os textos que se publican arredor da lingua galega e que posúen versión electrónica (pdf ou epub). Na actualidade xa están dispoñíbeis 114 documentos pero, como a páxina está en construción, en breve irá incrementándose o número de libros e documentos que se poidan descargar.

Para facilitar a procura de material, no Galegobook pódense facer procuras por autor ou materia. Ademais, ao final de cada entrada, as persoas usuarias poderán engadir os seus comentarios para o compartiren co resto dos lectores.

A información complementarase tamén con artigos salientábeis sobre o galego que vaian aparecendo na prensa tradicional e nos novos medios.

Ademais o proxecto está presente tamén no facebook , onde se pode comentar,  compartir e contribuír con diferentes achegas.