Relatorio sobre Lois Pereiro na Casa da Cultura

Dentro da programación das XEIRAS DA LINGUA, o venres, 13 de maio, ás 20.00 h, na Casa da Cultura de Redondela, o escritor Marcos Calveiro achegaranos á figura do autor homenaxeado nas Letras Galegas 2011: o poeta monfortino Lois Pereiro.

Marcos Calveiro, recoñecido escritor de literatura infantil, xuvenil e de adultos, e destacado comunicador e relator, deuse a coñecer como narrador coas novelas xuvenís Sari soñador de mares (2006) e Rinocerontes e quimeras (2007), as dúas moi ben valoradas pola crítica. En 2007 recibiu o XVIIIº Premio Ala Delta de Literatura Infantil por O carteiro de Bagdad, que logo recibiría o Premio White Ravens en 2008. Máis recentemente, obtivo o Premio Barco de Vapor de Literatura Infantil 2008 por O canto dos peixes (2008) e o Premio Lazarillo de Literatura Xuvenil 2009 e o Fervenzas Literarias ao Mellor libro Xuvenil 2010 pola novela O pintor do sombreiro de malvas. Tamén publicou dúas novelas: Festina lente, pola que recibiu diversos premios (da Crítica 2008, Fervenzas Literarias ao Mellor Libro de Narrativa adultos, Autor do ano 2008 e Premio Irmandade do Libro ao Mellor Libro Galego do Ano 2009), e Setteccento (2010). Como poeta publicou Cartas do terceiro día.

En 2011 publica Lois Pereiro. Náufrago do paraíso (Xerais, 2011), unha particular visión a xeito de guión cinematográfico da biografía e da obra do poeta monfortino: a infancia e adolescencia nese universo do seu Monforte natal; os anos da revista Loia en Madrid; as viaxes europeas na procura de descubertas; os últimos días na Coruña, intentando sobrevivir; a familia, os amigos, a paixón e a escrita, que debulla nun emocionante relato feito con agarimo e admiración.

Guía de internet en galego: os meus favoritos

Os concellos de Carballo, Malpica de Bergantiños, Ponteceso e Zas veñen de difundir a guía de internet Os meus favoritos, coa finalidade de espallar a información na rede en lingua galega, que abrangue os recursos e a divulgación que se produce na rede en eidos como a música, o deporte, ou a creación artística, e inclúe tamén o uso en galego dos sistemas operativos, paquetes ofimáticos, navegadores ou redes sociais.
Os servizos de normalización lingüística (SNL) destes concellos promoveron e editaron esta guía, un catálogo que recolle preto de 200 enderezos de sitios web en galego de ámbitos tan diversos como a banda deseñada, o deporte, o audiovisual, a información cultural, a mocidade, as redes sociais ou os xogos.

Os obxectivos deste proxecto son facilitar o descubrimento e o coñecemento do ciberespazo en galego, vencellar a lingua galega con novos e modernos espazos de uso,  e contribuír á difusión da información de todo tipo na nosa lingua.

Baixo o epígrafe O galego precisa de internet e internet precisa do galego, divúlgase esta guía que se pode descargar de balde en PDF.

Memorias dun neno labrego, na Xunqueira

Cándido Pazó estará mañá na Xunqueira coas súas Memorias das Memorias dun neno labrego, incluída dentro da programación XEIRAS DA LINGUA das Letras Galegas 2011.


Este monólogo escénico-narrativo, está producido por Abrapalabra, creacións escénicas en colaboración co AGADIC, e baséase no libro homónimo de Xosé Neira Vilas, que está a representarse en numerosos lugares de Galicia e da Arxentina. O obxectivo é recoñecer e homenaxear o autor e a súa obra, no 50 aniversario da súa primeira edición.

Memorias dun neno labrego publicouse en Buenos Aires en 1961, e co tempo converteuse nun dos libros máis senlleiros da literatura galega: foi o máis editado, lido e traducido. Ademais tivo a capacidade de manter viva a memoria dunha sociedade que foi deixando de ser eminentemente rural e iniciou un longo percorrido cara o universo urbano, que foi alongándose nestes últimos 50 anos adoptando mestizaxes e novos modos de vida que explican a nosa moderna identidade.

Trátase dun espectáculo emotivo e divertido que combina a experiencia de Cándido Pazó como autor, actor e director, coa súa recoñecida traxectoria como contador de historias e monologuista. Xúntanse así a estilización formal do teatro e máis a comunicación fresca e directa do monólogo cómico. Ademais conta cun gran atractivo visual, pois apoia a parte escénica nun coidado traballo de vídeo creación e elaborada iluminación, que conseguen debuxar unha suxestiva escenografía das emocións.

O espectáculo representarase no Auditorio da Xunqueira o vindeiro sábado, 7 de maio de 2011, ás 20.00 horas. As entradas (á venda por 3 €) pódense reservar no teléfono 986 402865, e deberán ser retiradas media hora antes do inicio da función.

Castelao e nós na Xunqueira

Baixo o título Castelao e nós, 125 aniversario, exponse a partir de hoxe no Multiusos da Xunqueira de Redondela, a mostra que estivo no mes de marzo no Piñeiral do Crego de Chapela, e no Centro Cultural de Vilar de Infesta no mes de abril.

Esta exposición inclúe debuxos dos álbums Nós (1931), Cousas da vida (1924-1925), Galicia mártir e Atila en Galicia (1937), e textos tirados do seu libro de ensaio político Sempre en Galiza (1944), nos que reflexiona sobre a economía e a sociedade, a emigración, a lingua, as institucións, a guerra do 36 ou o nacionalismo.

Do 5 ao 23 de maio poderanse achegar a esta selección de debuxos e textos significativos que reflicten a grandeza de Castelao como creador plástico, pensador e político.