Concerto-homenaxe a Lois Pereiro na Xunqueira

A programación das XEIRAS DA LINGUA, da Concellaría de Normalización Lingüística, presenta este xoves, 19 de maio, a última das actividades programadas: un concerto-homenaxe a Lois Pereiro, o escritor homenaxeado nas Letras Galegas 2011. Neste acto de homenaxe ao poeta monfortino inclúese un concerto do músico arxentino-galego Manu Clavijo, precedido da presentación e achegamento á figura de Lois Pereiro que farán Xurxo Souto e Lino Braxe.

O polifacético, Xurxo Souto, foi o popular líder e vocalista da banda de rock “Os Diplomáticos de Monte-Alto” entre 1990 e 2001, e dende entón os seus diferentes traballos seguiron a ser unha plataforma de difusión da música galega de todos os tempos. Pero ademais salienta como escritor, coa publicación de cinco libros e colaboracións con artigos en diferentes publicacións, como a revista Bravú.

Dende 1986 comezou a traballar en diversos programas de radio en galego, sendo os máis coñecidos A tropa da tralla, Aberto por reformas e Mil ribeiras, na Radio Galega, emisora da que tamén foi subdirector de programas. Tamén traballou como actor en producións galegas como a serie de éxito Mareas vivas ou o telefilme Entre bateas, de Jorge Coira. Recentemente formou o grupo musical “Os 3 Trebóns“, onde se encarga da voz e máis do acordeón.

Lino Braxe é actor, director de teatro e escritor. Comezou no teatro profesional en 1985, coa Compañía Luís Seoane. Actuou en producións da Escola Dramática Galega, Centro Dramático Galego, ou Malbarate, entre outras, ademais de facer múltiples traballos como actor de dobraxe e radio. Foi un dos fundadores da revista Luzes de Galiza, na que tamén colaborou Lois Pereiro. Dende os comezos da súa andaina como actor de teatro participa en máis de vinte espectáculos, e como actor radiofónico en máis de trinta obras dramáticas e en seis seriais radiofónicas. Dobrou películas para cine, televisión e vídeo. Como actor de televisión participou en varias series da TVG, e en producións para televisión, e tamén en oito producións cinematográficas.

É ademais director de teatro, destacando nos últimos dez anos os seus traballos á fronte de Teatro Maltés, Teatro Proscrito ou Lagarta Lagarta. Poeta, cantante, dramaturgo, narrador, guionista e articulista de prensa. O seu coñecemento da obra de Lois Pereiro e do ámbito dos espectáculos poéticos fan a súa presenza imprescindible para achegarnos ao poeta.

O músico Manu Clavijo encargarase da parte musical. Cantante, compositor, guitarrista e violinista, comezou a estudar música con só 8 anos, e durante a súa adolescencia xa formou parte da Xove Orquestra de Galicia, da Orquestra da Comunidade de Galicia e máis da Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia. Ademais formou parte do coro de cámara Madrigalia e doutros prestixiosos coros.

Como compositor colaborou en múltiples espectáculos teatrais e audiovisuais, en 2005 publica o disco-libro “O meu libro das sombras”, xunto a Francisco Brives, e dende 2007 imparte obradoiros de canción creativa no Fórum Metropolitano da Coruña e noutras institucións. Acompaña tamén a actores e escritores en recitais poéticos e monólogos. En 2010 estreou coa compañía CasahamletAo raso coas lebres”, un espectáculo poético-musical con textos de Rosalía de Castro. Na actualidade centra o seu traballo na promoción do seu disco en solitario “Un corazón de carne y hueso”, e na gravación de “Lois Pereiro. Canción última…”, no que pon música a poemas do autor monfortino.

O espectáculo celebrarase o xoves, 19 de maio, ás 20.00 horas, no Auditorio da Xunqueira.

A entrada é de balde.