Relatorio sobre Lois Pereiro na Casa da Cultura

Dentro da programación das XEIRAS DA LINGUA, o venres, 13 de maio, ás 20.00 h, na Casa da Cultura de Redondela, o escritor Marcos Calveiro achegaranos á figura do autor homenaxeado nas Letras Galegas 2011: o poeta monfortino Lois Pereiro.

Marcos Calveiro, recoñecido escritor de literatura infantil, xuvenil e de adultos, e destacado comunicador e relator, deuse a coñecer como narrador coas novelas xuvenís Sari soñador de mares (2006) e Rinocerontes e quimeras (2007), as dúas moi ben valoradas pola crítica. En 2007 recibiu o XVIIIº Premio Ala Delta de Literatura Infantil por O carteiro de Bagdad, que logo recibiría o Premio White Ravens en 2008. Máis recentemente, obtivo o Premio Barco de Vapor de Literatura Infantil 2008 por O canto dos peixes (2008) e o Premio Lazarillo de Literatura Xuvenil 2009 e o Fervenzas Literarias ao Mellor libro Xuvenil 2010 pola novela O pintor do sombreiro de malvas. Tamén publicou dúas novelas: Festina lente, pola que recibiu diversos premios (da Crítica 2008, Fervenzas Literarias ao Mellor Libro de Narrativa adultos, Autor do ano 2008 e Premio Irmandade do Libro ao Mellor Libro Galego do Ano 2009), e Setteccento (2010). Como poeta publicou Cartas do terceiro día.

En 2011 publica Lois Pereiro. Náufrago do paraíso (Xerais, 2011), unha particular visión a xeito de guión cinematográfico da biografía e da obra do poeta monfortino: a infancia e adolescencia nese universo do seu Monforte natal; os anos da revista Loia en Madrid; as viaxes europeas na procura de descubertas; os últimos días na Coruña, intentando sobrevivir; a familia, os amigos, a paixón e a escrita, que debulla nun emocionante relato feito con agarimo e admiración.