O galego oral nun clic

O ILG (Instituto da Lingua Galega) vén de presentar na rede o Arquivo do Galego Oral (AGO). Trátase dun conxunto de gravacións de arredor de 7000 falantes, nas que se poden escoitar as falas de distintos falantes e lugares de todo o territorio galego-falante. O arquivo sonoro compleméntase con transcricións dalgunhas destas gravacións xeolocalizadas, cos datos sobre a súa orixe, tema e data de creación, nas que os informantes proceden da práctica totalidade dos 315 concellos de Galicia e de boa parte dos 38 conce­llos das comarcas estremeiras de fala e cultura galegas de Asturias, León e Zamora. Tamén hai mostras das falas esencialmente galegas dos tres “lugaris” dos somontes da Serra de Gata, en Cáceres.

As gravacións tratan, na súa maioría, sobre a guerra civil e a posguerra, así como sobre crenzas, lingua ou festas, romarías e costumes, e ata o de agora recolle unha escolma de 43 etnotextos correspondentes a 34 concellos galegos. A dixitalización do material e a súa publicación na rede realizouse coa colaboración das consellarías de Industria e Eduación, así como de Política Lingüística entre outras entidades.

Segundo se explica na presentación do propio proxecto, “os principais obxectivos do AGO son a posta en rede dun banco de textos orais, co que configurar unha especie de atlas da oralidade, e a realización dun corpus informatizado do galego oral para o estudo fundamentalmente léxico e gramatical”.

Dende a súa fundación en 1971, o ILG centrou unha das principais liñas de investigación na recolleita sistemática do gale­go oral. E de xeito practicamente ininterrompido, desde o ano 1974 á actualidade, o persoal investigador do ILG realizou gravacións de etnotextos en moitos puntos do dominio lingüístico galego, á vez que dirixiu traballos académicos nos que o material fundamental para analizar era unha mostra do gale­go oral.

Francisco Fernández Rei e Carme Hermida Gulías, os dous investigadores iniciais, comezaron a organizar ese Arquivo da oralidade e prepararon a edición do audio-libro A nosa fala. Bloques e áreas lingüísticas do galego (1996), que se pode consultar na ligazón www.consellodacultura.org/arquivos/asg/anosafala.php.

Aquí temos pois unha ferramenta máis para sabermos como é a nosa fala e as peculiaridades que contén.

Máis información.

Centenario de Cunqueiro

Con motivo de celebrarse neste 2011 o centenario do nacemento de Álvaro Cunqueiro, o Consello da Cultura Galega organiza unha serie de eventos conmemorativos desta efeméride.

Entre elas vén de ser presentada a iniciativa “A cociña galega con Cunqueiro“, que quere difundir a obra literaria e gastronómica do escritor mindoniense e o acervo gastronómico do país, en colaboración cos restaurantes de Galicia.

O obxectivo é levar os pratos máis queridos do principal escritor gastronómico de Galicia ás cociñas dos restaurantes, e recuperar así a rica tradición gastronómica galega, ao tempo que os establecementos se converten nun privilexiado espazo de difusión cultural. Deste xeito xúntanse cociñeiros de Galicia tradicionais e contemporáneos que, cada un dende o seu diferente estilo, renderán unha homenaxe ao escritor que dignificou a gastronomía de Galicia e lle deu carta de identidade no mundo. O proxecto incluirá a distribución de 10.000 exemplares dunha antoloxía literaria e gastronómica de Don Álvaro Cunqueiro entre os clientes dos restaurantes de Galicia.

Aqueles restaurantes que queiran participar poden dirixirse ao responsable do proxecto no Consello da Cultura Galega (Manuel Gago), a través deste correo electrónico director@culturagalega.org,  ou ben chamar ao teléfono 981957219 (luns a venres, de 09 a 15 h).

Tamén poden solicitar información neste Servizo de Normalización Lingüística no teléfono 986402842 ou no correo electrónico normalizacion@redondela.info

Concerto-homenaxe a Lois Pereiro na Xunqueira

A programación das XEIRAS DA LINGUA, da Concellaría de Normalización Lingüística, presenta este xoves, 19 de maio, a última das actividades programadas: un concerto-homenaxe a Lois Pereiro, o escritor homenaxeado nas Letras Galegas 2011. Neste acto de homenaxe ao poeta monfortino inclúese un concerto do músico arxentino-galego Manu Clavijo, precedido da presentación e achegamento á figura de Lois Pereiro que farán Xurxo Souto e Lino Braxe.

O polifacético, Xurxo Souto, foi o popular líder e vocalista da banda de rock “Os Diplomáticos de Monte-Alto” entre 1990 e 2001, e dende entón os seus diferentes traballos seguiron a ser unha plataforma de difusión da música galega de todos os tempos. Pero ademais salienta como escritor, coa publicación de cinco libros e colaboracións con artigos en diferentes publicacións, como a revista Bravú.

Dende 1986 comezou a traballar en diversos programas de radio en galego, sendo os máis coñecidos A tropa da tralla, Aberto por reformas e Mil ribeiras, na Radio Galega, emisora da que tamén foi subdirector de programas. Tamén traballou como actor en producións galegas como a serie de éxito Mareas vivas ou o telefilme Entre bateas, de Jorge Coira. Recentemente formou o grupo musical “Os 3 Trebóns“, onde se encarga da voz e máis do acordeón.

Lino Braxe é actor, director de teatro e escritor. Comezou no teatro profesional en 1985, coa Compañía Luís Seoane. Actuou en producións da Escola Dramática Galega, Centro Dramático Galego, ou Malbarate, entre outras, ademais de facer múltiples traballos como actor de dobraxe e radio. Foi un dos fundadores da revista Luzes de Galiza, na que tamén colaborou Lois Pereiro. Dende os comezos da súa andaina como actor de teatro participa en máis de vinte espectáculos, e como actor radiofónico en máis de trinta obras dramáticas e en seis seriais radiofónicas. Dobrou películas para cine, televisión e vídeo. Como actor de televisión participou en varias series da TVG, e en producións para televisión, e tamén en oito producións cinematográficas.

É ademais director de teatro, destacando nos últimos dez anos os seus traballos á fronte de Teatro Maltés, Teatro Proscrito ou Lagarta Lagarta. Poeta, cantante, dramaturgo, narrador, guionista e articulista de prensa. O seu coñecemento da obra de Lois Pereiro e do ámbito dos espectáculos poéticos fan a súa presenza imprescindible para achegarnos ao poeta.

O músico Manu Clavijo encargarase da parte musical. Cantante, compositor, guitarrista e violinista, comezou a estudar música con só 8 anos, e durante a súa adolescencia xa formou parte da Xove Orquestra de Galicia, da Orquestra da Comunidade de Galicia e máis da Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia. Ademais formou parte do coro de cámara Madrigalia e doutros prestixiosos coros.

Como compositor colaborou en múltiples espectáculos teatrais e audiovisuais, en 2005 publica o disco-libro “O meu libro das sombras”, xunto a Francisco Brives, e dende 2007 imparte obradoiros de canción creativa no Fórum Metropolitano da Coruña e noutras institucións. Acompaña tamén a actores e escritores en recitais poéticos e monólogos. En 2010 estreou coa compañía CasahamletAo raso coas lebres”, un espectáculo poético-musical con textos de Rosalía de Castro. Na actualidade centra o seu traballo na promoción do seu disco en solitario “Un corazón de carne y hueso”, e na gravación de “Lois Pereiro. Canción última…”, no que pon música a poemas do autor monfortino.

O espectáculo celebrarase o xoves, 19 de maio, ás 20.00 horas, no Auditorio da Xunqueira.

A entrada é de balde.

Comedia teatral no Auditorio da Xunqueira

O sábado, 14 de maio, ás 20.00 h, no Auditorio da Xunqueira, a compañía teatral MÁSCARA PRODUCIÓNS representará a comedia Por diante… e por detrás, incluída dentro da programación das XEIRAS DA LINGUA.


A compañía Máscara Producións crease en Vigo no ano 1971, co nome de MÁSCARA-17 TEATRO INDEPENDENTE. A súa primeira montaxe “Cerimonia por un negro asasinado” non pode estrearse oficialmente xa que o Goberno Civil franquista prohibe a súa estrea. Aínda así, a compañía continúa co seu traballo, e entre os anos 1971 e 1980 estrean varios espectáculos entre os que cómpre salientar Cerimonia por un negro asasinado (de F. Arrabal) e El malentendido (de Albert Camus).

No ano 1974 o grupo toma a determinación de facer teatro só en galego, e así retómanse os espectáculos: A Pancarta, Acto sen verbas (de S. Beckett), e O Xeneraliño ( de Jorge Díaz), espectáculo infantil que participou na 7ª Mostra do Teatro Galego ABRENTE de Ribadavia, e na 5ª Mostra do Teatro Galego de Vigo, no ano 1979. No ano 1980 comeza o proceso de profesionalización que tomará corpo na montaxe Os Emigrados, do autor polaco S. Mrozek. A partir de entón a compañía comeza a facer representacións fóra de Galicia e concorre a diversos festivais de teatro da Península.

Tamén participan en diversas producións audiovisuais da man de Antón Reixa ou Chano Piñeiro, e realizan a serie “Contando contos” para a TVE en Galicia dirixida por Xulio González Lourenzo. E na radio realizan, para Radio Cadena Española e Radio Nacional de España, os programas “A pulga en celo” e “ Facemos entrar as matemáticas na movida?”, durante catro anos.

No ano 1996 comeza unha nova etapa da compañía, que pasa a chamarse MÁSCARA PRODUCIÓNS, baixo a dirección de Antón Casal e Xerome Calero.

Por diante… e por detrás

Xerome Calero e Antón Casal dirixen e adaptan unha esmendrellante obra de Michael Frayn, para verdadeiros amantes do feito teatral, que fai partícipe ao público da complexa armazón teatral. Todo se dirixe a demostrar que o teatro é pura convención, un xogo cheo de trampas, e que na medida en que as personaxes se divirten con ese xogo o público fai o mesmo.

O espectáculo preséntase como: “Unha histérica compañía de teatro, unha estrea e unha xira. Sardiñas, enredos sexuais e portas, moitas portas. Así é a comedia, así é o teatro… como a vida mesma. Unha ollada ao mundo do teatro por diante… e por detrás. Unha comedia onde todo o mundo é “pillado no acto”.

A obra é recomendada para público maior de 13 anos.

Poderanse facer reservas de entradas (a un prezo de 3€) no teléfono 986 402865.