Xogando coa lingua, obradoiro infantil nas vacacións

Os nenos e nenas de 4 a 12 anos poderán asistir aos obradoiros XOGANDO COA LINGUA, organizados pola Concellaría de Servizos Sociais e Igualdade en colaboración coa Concellaría de Normalización Lingüística, que se celebrarán nos días laborables da Semana Santa.

O obxectivo desta actividade é favorecer a conciliación da vida laboral das familias durante os períodos de vacacións do curso escolar e, ao mesmo tempo, aproveitar para dinamizar e enriquecer o lecer dos cativos e cativas con recursos en lingua galega.

Este achegamento da lingua galega aos nenos e nenas redondeláns pretende tamén mellorar a súa competencia lingüística, e para iso utilizaranse xogos e diferentes actividades lúdicas. Desenvolverase no Multiusos da Xunqueira de Redondela os días laborables da Semana Santa, é dicir, luns 18, martes 19 e mércores 20 de abril, en horario de 11 a 13 horas.

A ASOCIACIÓN XUVENIL XARUME é a encargada do desenvolvemento desta actividade, na que os monitores utilizarán exclusivamente a lingua galega como lingua vehicular, e na que os/as participantes poderán facer diferentes xogos, actividades musicais, xogos de palabras e elaboración de xoguetes con material reciclado.

Para participar será preciso realizar a inscrición previamente, que será atendida por rigorosa orde de solicitude, no CIM (Centro de Información ás Mulleres), na rúa Isidoro Queimaliños, núm. 2 , ou chamando ao teléfono 986 40 80 43.