Axudas para a produción de curtametraxes e videoclips en galego

A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) vén de convocar subvencións para a produción de videoclips musicais e curtametraxes en galego.

Poderán acceder ás mesmas as producións orixinais gravadas en lingua galega que non superen os 30 minutos de duración.

As axudas convócanse para catro modadalidades diferentes:

A: curtametraxes en soporte cinematográfico.

B: curtametraxes de animación en soporte cinematográfico.

C: curtametraxes en soporte dixital, de imaxe real ou de animación.

D. Videoclips: relatos audiovisuais que promovan ou difundan unha produción discográfica de música galega producidos por empresas audiovisuais, en colaboración con empresas discográficas titulares dos seus dereitos de explotación.

Cada empresa solicitante só poderá ser beneficiaria dun máximo de dous proxectos de curtametraxes en versión orixinal en lingua galega e videoclips.

As solicitudes pódense presentar ata o 30 de abril.

Pódense consultar as bases completas na seguinte ligazón en pdf.