Recursos enerxéticos en galego

A normalización da lingua pasa por estar visible en todos os ámbitos de uso e campos do saber.

Na sociedade actual, as novas tecnoloxías e o desenvolvemento sostible son pezas fundamentais nas que a nosa lingua comeza tamén a ter visibilidade.

O INEGA, Instituto Enerxético de Galicia, promoveu durante este mes de marzo programas de eficiencia enerxética, que se poden consultar na súa web. E, alén diso, editou un xogo de aforro enerxético en rede protagonizado por SUPER E, que intenta estimular a utilización responsable dos recursos e enerxías no seo das familias, que se complementa con consellos para aforrar enerxía de xeito eficiente, e na nosa lingua.

E estes días tamén saíu á luz un xornal especializado en responsabilidade social e sostibilidade: falaRSE.

Este novo xornal dixital pretende ser un referente na información sobre a responsabilidade social das empresas e o desenvolvemento sustentábel, tanto no sector público coma no privado.

Velaquí temos unha nova ferramenta na rede e en galego, que achega a nosa lingua ao mundo sustentábel que queremos.