Día da Lingua Materna

Como vimos facendo nos últimos anos, hoxe lembramos de novo a celebración do Día Internacional da Lingua Materna.

O obxectivo desta celebración,  declarada pola UNESCO en 1999,  é impulsar as linguas maternas en todo o mundo e, maiormente, as das minorías, por seren as que se encontran nunha situación máis difícil. Deste xeito incídese na promoción da diversidade lingüística e cultural, ao tempo que se impulsa o recoñecemento, o uso e a divulgación das linguas maternas, especialmente as das linguas con menos falantes.

O Día Internacional vense celebrando dende febreiro de 2000 para promover a diversidad lingüística e cultural, e impulsar o multilingüismo. Esta data comemora o mesmo día de 1952, cando estudantes que se manifestaban polo recoñecemento da súa lingua,  o Bangla (un dos dous idiomas nacionais da entón Pakistán), foron asasinados a tiros pola policía de Dhaka, a capital do que hoxe é Bangladesh.

Nós temos, como galegos e galegas, o privilexio de termos unha lingua propia, e de vivir nunha comunidade que ten dous idiomas oficiais;  e isto, lonxe de ser unha traba ou un peso, constitúe unha riqueza e unha gran oportunidade.

Termos lingua de noso fornécenos dunha identidade colectiva que une a todos os galegos independentemente de cal sexa o idioma que falan habitualmente. Termos lingua e cultura de noso amplía o noso universo de comunicación e constitúe unha ponte que facilita o acceso a outros idiomas e culturas. É un valor engadido, unha marca que nos singulariza e dá prestixio, que nos sitúa no mundo como colectividade que ten algo máis e distinto para ofrecer. Por iso é tamén unha responsabilidade que os galegos debemos asumir: é a nosa obriga contribuír co galego ao patrimonio cultural da humanidade.

Se mantemos e incorporamos a lingua galega  á comunicación familiar, os nosos fillos ligarán o idioma que nos une coa afectividade do fogar e adquirarán máis doadamente a competencia nel.

A nosa encomenda para este día, e para todos os días do ano,  é facerlles ver aos nosos cativos que nos rodean moitas linguas e que todas son igualmente importantes, pero que a nosa lingua propia é o celme do noso ser como pobo, e o noso xeito de entender o mundo.

PRESENTACIÓN DA SXPL – Lingua_Materna_2011.swf