Témoslle LEI

A Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela vén de promover unha nova campaña de normalización lingüística. Baixo o lema Témoslle LEI,  as Comisións de Normalización Lingüística xunto co Servizo de Normalización Lingüística da Universidade elaboraron uns materiais que servirán de soporte a esta campaña, coa que pretenden estender o uso da lingua galega no ámbito do dereito e as leis.

Baixo a definición de cabeceira “TERLLE LEI (a algo ou alguén): gardar fidelidade, sentir simpatía ou terlle un grande aprezo“, pretenden incrementar e mellorar o uso do galego na docencia, para acadar en tres cursos o 30% das horas de clase na nosa lingua.

Para iso elaboraron un PLAN que inclúe as máis diversas actividades (obradoiros, revistas, vocabularios, concursos ou novos materiais docentes), co obxectivo final de mellorar as competencias e actitudes lingüísticas entre a comunidade universitaria e, por extensión, ao ámbito da xustiza.

Entre os materiais atópase un folleto explicativo da campaña, un CD que inclúe lexislación en lingua galega, lexislación lingüística e recursos lingüísticos, e un decálogo para ser lingüísticamente sustentable. (Pódense ver na ligazón máis arriba).

Témoslle Lei- Os profesionais opinan from temosllelei on Vimeo.

No vídeo da campaña varios profesionais do mundo da xustiza e da administración pública, así como profesores do centro opinan sobre a utilización do galego neste eido e animan a utilizalo en maior grao. Participan: Carlos Varela (fiscal xeral de Galicia), Luís Villares (xuíz da Fonsagrada), Paz Filgueira (maxistrada do Social en Santiago), Evaristo Nogueira (decano do Colexio de Avogados de Santiago), Xaquín Monteagudo (secretario do Concello de Outes) e os profesores da Facultade Antonia Nieto Alonso (coordinadora da Comisión de Normalización Lingüística) e José A. Gómez Segade (catedrático de Dereito Mercantil).