Cursos de lingua galega

A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de publicar a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios para as probas dos niveis CELGA 1, CELGA 2, CELGA 3 e CELGA 4, para particulares e colectivos de Galicia (DOG núm. 12, do 19 de xaneiro de 2011).

O Servizo de Normalización Lingüística vai solicitar que se imparta algún destes cursos no noso concello. Así pois, solicita a todas aquelas persoas interesadas que se dirixan ao SNL a través do enderezo electrónico normalizacion@redondela.info ou no teléfono 986 402842, para consultar cantas dúbidas teñan a este respecto e para realizar a inscrición nos mesmos.

O prazo para realizar a solicitude remata o vindeiro 22 de febreiro, e na petición deberán constar: nome completo, DNI, número de teléfono de contacto e nivel de coñecemento da lingua galega que posúen, ou o curso CELGA que desexan facer.

A organización de cursos no Concello de Redondela dependerá de que haxa un número suficiente de inscricións. Polo que dende o SNL anímase a toda a cidadanía, que queira mellorar a súa competencia en lingua galega, a que solicite esta formación.

Os cursos, que se desenvolverán entre finais de marzo e o 15 de xuño, son de acceso libre e de balde.

Aquelas persoas que prefiran asistir a algún dos cursos convocados noutras poboacións (as máis próximas son Vigo e Pontevedra), poderán facer unha solicitude individual (segundo o anexo I da convocatoria) para algún dos cursos xa programados. E se algún colectivo quere solicitar un curso para un grupo de persoas (entre 20 e 30) deberá cubrir a solicitude correspondente ao anexo II.