Máis galego na rede

O mes de decembro trouxo á rede dúas novidades en lingua galega:
O manual en galego do sistema operativo UBUNTU 10.04, e o navegador Chromium e o sistema operativo ChromeOS.

«Comezar con Ubuntu» é a tradución ao galego, logo dunha revisión técnica e de redacción, realizada por membros da comunidade galega de software libre apoiada pola Oficina de Software Libre da USC e o Concello de Dodro.

Trátase do primeiro manual en galego para principiantes do sistema operativo Ubuntu. O manual está dispoñíbel para descargar de balde na rede no seguinte enderezo http://ubuntu.usc.es/manual/

Esta guía para principantes é de balde para descargar, ler, modificar e compartir. O manual axuda a familiarizarse con tarefas diarias como navegar pola Web, escoitar música ou escanear documentos.  As instrucións son sinxelas e é axeitado para todos os niveis de experiencia.

A guía editada polo Concello de Dodro e máis a Oficina de Software Libre da USC, conta co patrocinio da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia,  e a colaboración do Proxecto Trasno.

E tamén o navegador de código aberto Chromium (a partir do que se baseou o Chrome de Google),  e máis o sistema operativo ChromeOS,  xa están totalmente en galego grazas á tradución desenvolvida polo Proxecto Trasno.