Detrás da canción en Redondela

A Secretaría Xeral de Política Lingüística achega a Redondela, hoxe 4 de xaneiro, o proxecto DETRÁS DA CANCIÓN, coa colaboración do SNL do Concello de Redondela, que se inclúe na programación do programa Bocaberta de dinamización lingüística. O proxecto inclúe a celebración de obradoiros de creación musical e un concerto final.

Como se compón unha canción de pop? Como se poden aproveitar as novas tecnoloxías para gravala e compartila co resto do mundo? A estas cuestións tenta responder esta actividade, na que integrantes dos grupos de pop galego Projecto Mourente e The Homens dan a coñecer a trastenda do proceso creativo.

Detrás da canción é unha actividade destinada a mozos e mozas a partir dos 12 anos, que pretende demostrar que compoñer cancións e gravalas é algo doado e que calquera o pode facer cunha mínima calidade. Pero alén de todo iso, quere mostrar que a lingua galega é un idioma tan válido coma calquera outro para a expresión musical de masas.

Os obradoiros desenvolveranse na sala da Rede de Telecentros de Redondela, no Multiusos da Xunqueira, dende as 18.00 ás 19.50 horas. Para participar nos mesmos é imprescindible formalizar a inscrición na web www.detrasdacancion.info ou presentarse no lugar e hora sinalados na convocatoria.