Alén das entradas anteriores, onde divulgamos contidos acerca do homenaxeado das Letras Galegas 2012, Valentín Paz Andrade, na véspera do 17 de maio cómpre aínda algunha achega máis que nos permita pescudar información accesible na rede.
A Secretaría Xeral de Política Lingüística publicou un espazo na súa web con material divulgativo e outras actividades dinamizadoras arredor das Letras Galegas 2012.
Para ir facendo boca, déixovos aquí unha mostra dun dos poemas audiovisuais de Paz-Andrade, nos que se constrúen pezas audiovisuais sobre algúns dos seus poemas máis significativos, incluída na selección de MATERIAL DIVULGATIVO.
E tamén un bo exemplo das iniciativas dinamizadoras, elaborada pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL), titulada Valentín Paz-Andrade. Empresa en galego.
A CRTVG, a través das súas canles temáticas, contribúe tamén a espallar a figura de Valentín Paz-Andrade, e a afondar no coñecemento da súa vida e do seu tempo.
Aquí deixamos un vídeo dun programa especial adicado a Paz-Andrade, emitido pola TVG no ano 2002, recoñecendo o merecemento da Medalla Castelao que recibiu en 1984. Inclúese no espazo “Galegos de Honra”, e presenta imaxes de arquivo do propio Paz-Andrade xunto con gravacións, nas que evoca as influencias recibidas na súa mocidade do intelectual galeguista Alfonso Rodríguez Castelao, e tamén do seu tío, o poeta Juan Bautista Andrade.
Ademais, a través desta ligazón, teremos acceso a unha biografía e a varios videos que nos achegan á personalidade dese multifacético persoeiro da nosa cultura.
Co gallo da celebración, o vindeiro 17 de maio do Día das Letras Galegas, o Servizo de Normalización Lingüística comeza coa divulgación da figura e da obra do homenaxeado nas Letras Galegas 2012: Valentín Paz-Andrade.
Dunha parte, durante esta semana as asociacións culturais e veciñais do Concello de Redondela recibirán dous libros, editados pola editorial Galaxia, sobre a figura deste multifacético persoeiro. Trátase da Biografía de Valentín Paz-Andrade edaAntoloxía de Valentín Paz-Andrade, da autoría de Xan Carballa.
Doutra, para achegar á cidadanía en xeral o coñecemento sobre esta figura das nosas letras, o vindeiro venres, 11 de maio, ás 19.30 h, desenvolverase unha conferencia noAuditorio Xosé Figueroa, onde o xornalista e investigador Xan Carballa disertará sobre o homenaxeado deste ano e sobre a súa obra.
Na vindeira semana, dentro da programación do Festival Internacional de Títeres de Redondela, inclúese unha programación especial para o día 17 de maio, onde todas as compañías participantes son galegas e farán os seus espectáculos na nosa lingua.
Ese mesmo día, os soportais da Casa do Concello acollerán unha mostra de libros galegos na que participarán as librerías redondelás e a Asociación Lenda, e onde se repartirán marcapáxinas conmemorativos sobre Paz-Andrade editados polo SNL para celebrar este día e divulgar a obra deste persoeiro.
E ás 17.30 horas conmemorarase oficialmente o día das Letras Galegas 2012 cun acto institucional nos Xardíns da Alameda.
Esta actuación forma parte da campaña de promoción da lingua galega e do comercio local O NOSO VENDE!, iniciada no mes de decembro de 2011 co concurso de galeguización de escaparates, e que se desenvolverá con diferentes propostas ao longo de 2012.
O obxectivo desta campaña de promoción da lingua galega na actividade comercial local é sensibilizar o sector e as persoas usuarias do mesmo sobre a necesidade de traballar en galego como un sinal de distinción e promoción do comercio local, que serve tamén para reivindicar a nosa cultura e a nosa lingua como sinais de identidade.
Para conmemorar a celebración do DÍA DA NAI, Radio Redondela está emitindo cuñas publicitarias coa mensaxe divulgativa:
ESTE DOMINGO, 6 DE MAIO ,
AGASALLA A QUEN MÁIS QUERES
MERCA NO COMERCIO LOCAL,
PORQUE O NOSO VENDE!
NA TÚA LINGUA, NO TEU COMERCIO.
Ademais, esta actuación compleméntase coa edición de tarxetas de parabéns con esa mesma mensaxe e adhesivos de agasallo co lema “Con todo o meu agarimo”, que se poderán recoller nun posto instalado o sábado, 5 de maio, nos soportais da Casa do Concello, en horario comercial: de 10.00 a 14.00 horas, e de 16.30 a 20.00 horas. Neste posto, habilitado pola Asociación de Empresarios de Redondela, ás persoas que o desexen faranlle un empaquetado especial dos seus agasallos e terán á súa disposición unhas tarxetas especiais que poderán personalizar para felicitar as nais.
A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude organizan, con motivo do 17 de maio, Día das Letras Galegas e de Internet, LINGUA DE NAMORAR, un concurso en liña de mensaxes de amor en lingua galega.
Está dirixido a todos os mozos e mozas de 14 a 35 anos, e o obxectivo do mesmo é dinamizar o uso da lingua galega entre a mocidade, nas súas relacións persoais e nas novas tecnoloxías.
Para participar neste concurso só hai que enviar unha mensaxe de amor, dun máximo de 350 caracteres, redactada en prosa ou en verso, e cubrir o formulario de inscrición. O prazo para enviar as mensaxes permanecerá aberto ata o 17 de maio.
Establécense dúas categorías por idade:
Categoría A: de 14 a 19 anos
Categoría B: de 20 a 35 anos
Segundo estas, as mensaxes gañadoras recibirán os seguintes premios:
- Categoría A:
1º Un computador netbook
2º Unha consola Wii
3º Unha cámara de fotos dixital
- Categoría B:
1º Un iPad
2º Un libro electrónico cunha selección de títulos en galego
Hoxe recibirá o último adeus Xaime Illa Couto, finado onte en Vigo á idade de 97 anos.
O intelectual e economista santiagués foi un dos artífices do renacemento cultural e político de Galicia de mediados do século XX . Dende a participación máis temperá nos grupos Ultreya, movemento xuvenil galeguista guiado por Álvaro de las Casas, e as Mocidades Galeguistas, onde traballou con Fernández del Riego e outros compañeiros de galeguismo. Despois como participante do proxecto do Seminario de Estudos Galegos e do Partido Galeguista.
Foi un incansable animador cultural e político do galeguismo, e xunto a Francisco Fernández del Riego fundou a Editorial Galaxia en 1950. Aínda que sufriu o exilio interior nos anos da posguerra, como moitos da súa xeración, foi quen de reiniciar a súa actividade intelectual a partir da Editorial Galaxia e do suplemento literario do xornal La Noche de Santiago de Compostela.
Desde Galaxia participou na creación de numerosas iniciativas culturais como a Fundación Penzol (1963), a Fundación Otero Pedrayo (1979) ou a Fundación Illa Couto (1987). Tamén formou parte doutros proxectos editoriais como a editorial católica e galeguista Sept (1966) ou a dirección entre 1958 e 1968 da Revista de Economía de Galicia.
En 1999 ingresou na Real Academia Galega co discurso «Economía, linguaxe e poder«. Nese mesmo ano foi nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo.
Despois de varios meses fermentando, hoxe naceu Sermos Galiza, o novo xornal dixital en lingua galega.
Trátase dun proxecto colectivo no que participan persoas como a escritora Teresa Moure ou o escritor e músico Xurxo Souto. O seu obxectivo é converterse nun medio que sexa referente da información en galego, que fomente a participación cidadá e o traballo de colaboradores de diversos ámbitos.
A información de Galicia será o cerne dos contidos, pero tamén incluirán información estatal e internacional, dando especial importancia ás novas que sucedan en Portugal e nos países lusófonos.
Para garantir a súa viabilidade nestes tempos de dificultades, ofrecen a posibilidade de subscribirse ao semanario a través da súa páxina web, co fin de conseguir o apoio de 3000 persoas para garantir a súa viabilidade.
A partir do 17 de maio editarán tamén un semanario en papel.
Dentro da programación da IVSemana do libro, a festa das palabras, organizada pola Axencia de Lectura de Chapela, a Biblioteca de Redondela e o Servizo de Normalización Lingüística, vanse desenvolver dúas actividades complementarias nesta semana.
O mércores, 25 de abril, ás 20.00 h, na Casa da Cultura de Redondela, o profesor e músico Moisés Quintas Suárez presentará a Guía didáctica de instrumentos galegos. Esta publicación, editada por Ouvirmos, é o compendio do seu traballo como investigador e pedagogo. Trátase dun libro-CD que presenta unha exhaustiva clasificación e descrición dos instrumentos galegos, coa súa orixe, evolución, etimoloxía e composición, que se converte nunha práctica ferramenta de apoio para o coñecemento e ensino da música galega, ilustrada con máis de 100 fotografías e acompañada de 40 pistas de audio que reproducen o son de todos os instrumentos. O seu autor presentará este traballo e achegaranos á nosa tradición musical, facendo un percorrido polas distintas familias instrumentais e a riqueza sonora da nosa tradición.
Como complemento didáctico e festeiro desta presentación, actuará o grupo de zanfonas e música tradicional Os Chavellos de Pereiras integrado por persoas da bisbarra (Pereiras-Mos, Vigo, Chapela e Matamá), achegarannos o son das zanfonas, acordeóns, gaitas, percusión e voces.
As actividades programadas terán continuidade o venres 27 de abril, ás 12.00 h, tamén na Casa da Cultura. Nesta ocasión será a escritora, poetisa e comunicadora Yolanda Castaño, quen nos presente o libro Babelia en galego, editado pola Deputación de Pontevedra, e coordinado e traducido por ela mesma.
Esta presentación contará con alumnado convidado de secundaria, pero está igualmente aberta a toda a cidadanía.
Trátase dun traballo poético multilingüe que se edita coas traducións ao galego de composicións poéticas en linguas tan diversas coma o xaponés, chinés, ruso, esloveno ou maltés. A idea deste traballo colectivo xurdiu dun obradoiro que se celebrou en Eslovenia no verán de 2010 e que reuniu durante unha semana a poetas procedentes de países diversos con linguas tamén diferentes, unhas máis maioritarias e outras cun menor número de falantes, co obxectivo de dar a coñecer a creación poética contemporánea noutras linguas e achegalas, asemade, á nosa.
Estas dúas actividades veñen complementar a exposición multilingüe que esta semana estará no Multiusos da Xunqueira, na que se mostran libros en galego, portugués, castelán éuscaro, catalán, aranés, asturiano e aragonés.
Con esta mostra multilingüe xúntanse o obxectivo inicial de celebrar o día do libro co de procurar unha animación efectiva á lectura, expoñendo os libros en lugares pouco habituais para contribuír a divulgar a diversidade cultural e lingüística dos territorios máis próximos a nós.